Monday 20 de May de 2024

Atlética Riveira e Celta de Vigo establecen relacións de colaboración para potenciar a canteira do Club Barbanzá


O salón de plenos do consistorio serviu de escenario para a rúbrica de dous convenios de colaboración entre o Atlético Riveira e o Celta de Vigo en virtude dos cales ambos clubs establecen lazos de colaboración que se traducen en maiores posibilidades formativas para a entidade barbanzá e maior proxección dos seus xogadores.

Germán Arteta como director da Fundación Celta de Vigo e Juan Fungueiriño como presidente do Atlético Riveira foron os encargados de asinar ambos acordos ante a presenza do alcalde Manuel Ruiz e de dous veciños moi ligados ao celtismo: Antonio Arca, presidente da peña celtista na nosa localidade e José Manuel Parda Alvite Suco, quen xogara tanto no equipo da cidade olívica como no barbanzán.

En virtude do primeiro dos convenios, o club riveirense pon a disposición do Celta de Vigo todos os seus xogadores adscritos aos seus equipos prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil: un acordo que leva implícito que o club riveirense perciba unha serie de cantidades económicas segundo se materialice algunha incorporación dalgún xogador local ao Celta de Vigo, variables en función da súa participación no equipo B, no primeiro equipo, na Selección Española Absoluta, etc…

Así mesmo, o Celta comprométese a realizar cada ano un curso de formación e actualización de adestradores impartidos por técnicos titulados do club vigués, así como un Clinic FCV e un campus de verán tamén en cada tempada. Este convenio ten unha duración por tres tempadas.

O segundo acordo versa sobre a creación dunha escola deportiva de fútbol entre ambos clubes entre os meses de setembro e xuño de cada ano dende a categoría prebenxamín e xuvenil. Dito convenio tamén terá unha duración de tres tempadas: 2016/2017, 2017/2018 e 2018/2019.

Manuel Ruiz quixo respaldar este acordo a través da súa presenza no momento da firma e salientou a importancia do labor que está a realizar o Atlético de Riveira á hora de potenciar a canteira.